Roberto Fernández, coñecido como Róber Bodegas, nado en Carballo o 23 de xuño de 1982, é un actor e guionista galego.
 
Comezou a estudar Arquitectura na Universidade da Coruña, e despois do primeiro ciclo continuou a súa formación como interiorista. A comezos da década dos 2000 realizou distintas actuacións de monólogos humorísticos, e gañou o Certame de dramatización de monólogos cómicos no Festival Internacional Outono de Teatro (Carballo) en 2002. Tamén obtivo o premio da Bienal da caricatura de Ourense en 2004.
 
Fixo diversos cursos con Leo Bassi ou Jango Edwards, en 2005 montou o seu primeiro espectáculo, titulado Un día horrible, e é coautor de Gazapos, obra representada por Manicómicos. En 2007 presentouse ao proceso de selección para o programa de monólogos televisivos El Rey de la Comedia (TVE), competición na que se impuxo como vencedor da primeira edición. A raíz diso estreou o seu segundo espectáculo, Vamos a dejarnos de hostias (2007), e en 2008 o terceiro, El día en el que empecé a odiar los yogures y otras desgracias. En 2008 comeza a traballar como guionista e temporalmente como colaborador para o programa Sé lo que hicisteis..., de La Sexta.
 
Tamén ten intervido no Luar da TVG, en distintos anuncios publicitarios ou na emisora de radio Radio Voz. En 2008 estrea tamén unha comedia teatral, Contamos contigo, canda os actores Quico CadavalCándido Pazo e Paula Carballeira.