O Xestal



Carlos Díaz Gestal, máis coñecido como O Xestal, nado na Coruña o 8 de agosto de 1933 e finado na mesma cidade o 4 de xaneiro de 1993, foi un humorista e cantante galego.
A súa actividade como contador de contos, moitos deles rexistrados en gravacións discográficas, tróuxolle unha grande popularidade na Galicia dos anos sesenta e setenta. Algúns dos títulos das súas gravación foron “Contos de Bergantiños”, “Contos que van pra a feira” etc. A pesar de que o personaxe do Xestal, que usaba a ironía para manter un ton reivindicativo, estaba caracterizado como un home do medio rural, Carlos Díaz naceu no seo dunha familia obreira do barrio de Monte Alto, na Coruña.
Paralelamente á súa carreira de humorista, colaborou e formou parte de numerosos coros e agrupacións folclóricas, como Cántigas da Terra, Follas Novas, Toxos e Froles ou Aires de Bergantiños, da que foi fundador en 1985.
Triunfou na radio no programa Desfile de Estrella (RNE) e en 1964 o Ministro de Información e Turismo Manuel Fraga Iribarne condecorouno coa Medalla ao Mérito Turístico.
Despois de pasar a súa infancia entre Oleiros e Sada, e percorrer o mundo para actuar en diversos centros galegos da emigración, Carlos Díaz asentouse nas parroquias carballesas de Lema e Rebordelos. A súa vinculación coa comarca de Bergantiños fixo que participase activamente nas loitas contra a privatización do areal e lagoa de Baldaio.